Friday 10 de May de 2024

O Concello analiza na Mesa da Cidade Vella os proxectos da Área Rexurbe


O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, abordou esta mañá coas persoas integrantes da Mesa a rehabilitación da Casa Veeduría, e outras actuacións incluídas no plan autonómico

O Concello abordou esta mañá na Mesa da Cidade Vella realizada no Centro Cívico os proxectos que o Goberno local pretende poñer en marcha a través do plan autonómico área Rexurbe. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, informoulles ás persoas integrantes da mesa que a Xunta declarou o mes pasado a área Rexurbe da Coruña para a Cidade Vella e o eixo Orzán- Panadeiras, cuxo obxectivo é a recuperación de zonas e inmobles degradados. Para iso, concederanse axudas para a rehabilitación e tamén está previsto que se merque algún edificio ou soar en ruínas para a súa rehabilitación e futura venda o alugueiro. O concello calcula que nesta área existen 519 edificios, e 73 atópanse en estado deficiente o ruinoso.
Villoslada sinalou que a área Rexurbe, que está recollida no plan director do concello para revitalizar o centro histórico, ten como obxectivo mellorar as condicións económicas e sociais das persoas residentes no barrio. O Concello terá agora que elaborar un plan de dinamización que contará coa participación de todos os axentes implicados na revitalización do casco antigo, e recollerá as medidas previstas, o seu custo e o financiamento para levalas a cabo. O edil explicou que o plan de dinamización deberá ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, como paso previo ao inicio de actuacións nesta área.
Doutra banda, durante a reunión, o edil anunciou que a rehabilitación da Casa Veeduría, antiga sede do Goberno Militar, é un dos proxectos que pretende desenvolver o concello na área Rexurbe. O obxectivo principal da actuación- rehabilitación para dotar o espazo de distintos usos- persegue apoiar a revitalización do conxunto histórico da Cidade Vella, mediante espazos en que poidan levarse a cabo actividades de carácter público destinadas á súa poboación, co fin de facilitar a súa permanencia, ou como atractivo para o seu futuro incremento. O edificio, que se atopa na actualidade cedido polo Ministerio de Cultura ao concello para usos sociais e culturais, ten unha superficie de 3.600 metros cadrados e alberga o centro cívico da Cidade Vella.
No proxecto, está previsto que a planta soto albergue un comedor e un centro de día para persoas maiores cun acceso independente adaptado pola rúa Damas. Na planta baixa, ampliaranse as instalacións do centro cívico e habilitarase unha sala de exposicións, unha área de descanso, zona de xogos-hemeroteca para a cativada. A primeira planta acollerá novas salas e espazos destinados a estudantes da Universidade, un pequeno auditorio e novas salas para “coworking”.
A reforma do edificio contempla tamén un espazo para albergar a Oficina Municipal de Rehabilitación, que pasará a ser a Oficina de Rexeneración Urbana, encargada de xestionar a área Rexurbe, e a ampliación dos despachos na segunda planta.
O proxecto conta cun orzamento de licitación de 2.475.494 de uros, dos que o 52% (1.287.257 euros) se solicitou ao Ministerio de Transportes para o financiamento de traballos de conservación de bens inmobles do Patrimonio. O Goberno local prevé que en setembro se poida licitar o proxecto para poder comezar a súa redacción en xaneiro do 2021.